Este mércores pola tarde o enxeñeiro malagueño Carlos García Galán, director executivo do programa da base lunar da Nasa, que permitirá a exploración lunar sostible e sentará as bases para as misións a Marte, ofreceu unha conferencia no campus de Ourense. A súa intervención, dirixida a alumnado universitario e non universitario, foi organizada por Feuga, a Escola de Enxeñería Aeronáutica e do Espazo e a Escola Superior de Enxeñaría Informática. Nela falou da exploración lunar e do papel da innovación tecnolóxica e a colaboración internacional no futuro das misións espaciais.
O enxeñeiro de Málaga Carlos García Galán posúe unha longa traxectoria na Nasa. O seu nomeamento como program executive da futura base lunar, sitúao no centro dun proxecto clave para as aspiracións da humanidade na colonización do espazo. O relator xa exercía como subdirector do programa Gateway, que a Nasa decidiu paralizar para reorientar os seus recursos e presuposto á construción dunha base permanente no solo lunar. O enxeñeiro tamén ocupa funcións salientables vinculadas ao Módulo de Servizo Europeo, o sistema que fornece auga, osíxeno e enerxía á nave Orion, clave dentro do programa Artemis.
